O seu obxectivo e a posta en valor dos elementos que forman parte do patrimonio cultural das parroquias viguesas de Candeán, Zamáns e Saiáns, no que un equipo multidisciplinar de historiadores, arqueólogos, antropólogos, xeógrafos, deseñadores web, realizadores de vídeo, e deseñadores, desenvolveron durante un periodo de 6 meses un traballo de recollida de toda a información patrimonial destas parroquias para a súa valoración e estado para logo utilizalo como recurso cultural en forma de rutas e sendas nun plano teórico e práctico.

Asemade, rexistrouse a situación exacta dese patrimonio, xeorreferenciado en planimetrías exhaustivas das parroquias onde se localiza, servindo como ferramenta de xestión do territorio do Concello de Vigo para promover o seu desenvolvemento sostible.

É de todos coñecida a riqueza arqueolóxica e etnográfica do Concello de Vigo, só entre estas tres parroquias (tras a visita aos inventarios do Concello) xuntan máis de 100 elementos (sen contabilizar os hórreos e outros elementos situados en propiedades privadas).

Con esta iniciativa do Concello de Vigo preténdese dar cobertura á demanda por parte da poboación de preservación, conservación, exposición e posta en valor destes restos, algúns deles de máis de 6.000 anos de antigüidade (no caso das mámoas), en perigo real de destrución e en continúo proceso de alteración.

É pretensión primordial do proxecto a de estimular a conservación e o gozo do patrimonio entre a poboación local. Nada representa mellor esta filosofía como que o proxecto naza no seo dunha comunidade, entre persoas que amosan unha clara vocación de salvagarda do seu propio legado natural e cultural. Unha cantidade importante de veciños que habitan nas inmediacións destes elementos patrimoniais, conviven con eles sen sabelo, polo que a súa conduta de agresión cara ao patrimonio efectúase por simple ignorancia. Para paliar esta situación deben planearse actuacións como a presente que conciencien ás poboacións locais sobre as potencialidades de desenvolvemento que encerra o seu patrimonio e acheguen á cidadanía en xeral, e mesmo a colectivos de turistas a estes bens.

O Patrimonio Cultural estivo ata hai ben pouco, infravalorado polos membros/as das Comunidades de Montes, representando para eles unha carga difícil de manter. É un recurso sen explotar e, asemade, en proceso de desaparición: antigamente o proceso era lento, pero na actualidade a progresión é rápida pola aplicación de novas tecnoloxías e a explotación indiscriminada do medio ambiente coa que está ligado de xeito directo (as rozas mecanizadas que se fan agora nos nosos montes teñen un impacto moito máis dramático que as manuais utilizadas polos nosos avós), neste sentido é necesaria a creación de ferramentas para que se teña clara a situación e delimitación dos bens obxecto do traballo.

A situación en planimetrías detalladas dos bens deu como resultado esa ferramenta eficaz, da que falabamos, para futuros traballos, entre os que se atoparán os que os comuneiros planeen no monte, xa sexan de xestión forestal, como de posta en valor do patrimonio amosado.

O proxecto tentou que eses elementos do patrimonio cultural deixen de ser unha carga para os seus propietarios, e pasen a ser vistos como unha fonte de enriquecemento para a parroquia, remarcando o seu valor social e identitario.

ÁREAS ETNOARQUEOLÓXICAS É UN PROXECTO FINANCIADO A TRAVÉS DO PLAN FEELS 2010 DO GOBERNO DE ESPAÑA E PROMOVIDO POLA TENENCIA DE ALCALDÍA DO CONCELLO E CONCELLERÍA DE PATRIMONIO HISTÓRICO DO CONCELLO DE VIGO.